Comunicado oficial

Comunicado das peñas sobre a Campaña de aboados.



A Federación de Peñas Celtistas critica a campaña de abonados posta en marcha polo Celta e solicítalle o club que reconsidere a fórmula elixida para esta temporada


Os afeccionados consideran que as formas e as características desta campaña de abonados non se corresponden coas necesidades actuais da pandemia pola Covid-19 nin coa situación actual do equipo - Os seareiros celestes agardan que dende o club saiban ser comprensivos coa situación e muden as condicións da nova campaña de fidelización Nin é o momento, nin son as formas. Así referenda a Federación de Peñas Celtistas o enfado case unánime que a campaña de abonados do Celta para temporada 2020/2021 espertou entre os seus seareiros. O lanzamento da campaña, na que se pon un prezo único de 50 euros para renovacións e novas altas foi rexeitada dende un inicio polos afeccionados, sobre todo dos que pretendían renovar os seus abonos, que consideran desproporcionado o prezo para as vantaxes que se dan e que ven como unha sorte de chantaxe o feito de que se poida perder antigüidade e butaca no caso de non pagar este ano o carné. Ademais, cren que o momento elixido, cando é imposible pensar no regreso dos afeccionados a Balaídos e a situación deportiva do equipo é bastante complicada, en pleno cambio de adestrador tras a destitución do anterior polos malos resultados, é o peor que podía atopar o club para tentar mobilizar a masa social celeste. Os afeccionados consideran que o Real Club Celta non está a ser comprensivo coa grave situación económica e social que está a deixar a pandemia provocada pola Covid-19, unha crise sanitaria que está a facer que moita xente quede sen traballo ou estea a padecer un ERTE. Por iso, consideran que o club debería ter en conta esta circunstancia para facer que os 50 euros que se piden polo abono se poidan descontar na próxima campaña –posto que nas circunstancias actuais parece moi pouco probable que se poida acudir ao estadio de Balaídos na 2020/2021-, ou ben que non abonarse este ano non supoña a perda de antigüidade e butaca, un feito que, sentimentalmente, sería un golpe moi importante para os afeccionados, sobre todo para os que levan moitos anos consecutivos facéndose co seu carné celeste. Dende a Federación de Peñas Celtistas queren solicitarlle ao Real Club Celta que teña en conta a situación e que tamén poña en consideración que os afeccionados sempre apoiaron o equipo cando este os necesitou. Son agora os seareiros os que piden unha man tendida por parte da directiva, que vén destacando nas últimas temporada a saúde financeira do club, que faría que eses 50 euros por abonado que se solicitan non supuxeran unha carga extraordinaria para as arcas celestes.


26 vistas0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo